A exposición '25 anos máis' achega a Universidade a Xinzo de Limia

Durante dúas semanas os veciños e veciñas da comarca poderán achegarse a vela na Praza Carlos Casares

exposición 25  anos
exposición 25 anos
A exposición '25 anos máis' achega a Universidade a Xinzo de Limia

A exposición 25 anos máis, organizada pola Universidade de Vigo co gallo do seu 25 aniversario, continúa en Xinzo de Limia o seu periplo por diferentes concellos da provincia de Ourense despois de estar, ademais de na cidade das Burgas, en Ribadavia, A Rúa e Verín. O obxectivo da itinerancia destra mostra é recoñecer o destacado papel que teñen os pequenos e medianos concellos ourensáns, como o de Xinzo de Limia, no pasado, presente e futuro do campus de Ourense, xa que deles procede boa parte do seu alumnado.

25 persoeiros, entre eles Xabier Casares

A mostra inaugurada este venres está composta por 25 paneis nos que outros tantos persoeiros destacados que teñen vinculación con Ourense responden á pregunta Que pode ou debe achegar a Universidade a Ourense nos vindeiros 25 anos?. Entre eles está Xabier Casares, presidente do Liceo de Ourense nado en Xinzo de Limia, motivo polo cal este venres tamén se achegou á inauguración da exposición. “Esta mostra é un xeito de sacar a universidade do campus e trasladala á sociedade. É importante que a sociedade sinta próxima a súa universidade e que lle preste o seu apoio”, subliñou Casares. “A participación de Xabier Casares na mostra dá unha significación especial á súa exposición en Xinzo de Limia”, destacou Virxilio Rodríguez, que fixo fincapé na relación que une ao campus de Ourense tanto co Liceo coma coa Fundación Carlos Casares. 

 

No seu percorrido polos paneis, os visitantes poden ler, ademais da resposta de Casares, as respostas de persoeiros como Ángeles Blanco, presidenta da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer; de Ánxeles Cuña, dramaturga e pedagoga; de Felisa Nchama, graduada en Dereito con discapacidade visual; do humorista gráfico O Carrabouxo; de Pablo Sánchez, director do Arquivo Histórico Provincial; de José Manuel Pérez Canal, presidente da Confederación Empresarial de Ourense; de Ico Rafael, mestre e músico, e así ata 25 voces destacadas en diferentes sectores. Ademais, os paneis ofrecen datos relevantes sobre o presente do campus de Ourense e ilustracións de lugares destacados da zona universitaria. A exposición, formada por sete estruturas, estará instalada durante dúas semanas e durante este tempo pode ser visitada por todas as persoas interesadas. Por último, a mostra convida á cidadanía a ser parte activa nesta conmemoración dos 25 anos da Universidade de Vigo subindo un “selfie” seu na exposición a Twitter coa etiqueta #25AnosMais.