O Concello de Xinzo de Limia e a Deputación de Ourense e organizan un acto para pór en valor a figura do escritor limiao baixo o lema: "Carlos Casares e o seu mundo creativo".

O escritor Miguel Anxo Fernández destacou a defensa que Casares fixo a prol do cine galego, "pois ata a súa chegada, a literatura galega vivía de costas ao cine, que era tanto como dicir de costas á modernidade cultural"

Acto Carlos Casares
Acto Carlos Casares
O Concello de Xinzo de Limia e a Deputación de Ourense e organizan un acto para pór en valor a figura do escritor limiao baixo o lema: "Carlos Casares e o seu mundo creativo".

Xinzo , 16 de maio de 2016.- Acto grande da literatura galega para homenaxear na súa terra, nas vésperas do Día das Letras Galegas, ao escritor Carlos Casares. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, na homenaxe a Carlos Casares, dentro da conmemoración das "Letras Galegas", organizada polo Concello de Xinzo e a Deputación de Ourense, un acto que contou tamén coa presenza do alcalde de Xinzo, Antonio Pérez; o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o escritor Miguel Anxo Fernández; o presidente da Fundación "Carlos Casares", Javier Casares, e o fillo de Carlos Casares, Hakam Casares.

Baixo o lema: "Carlos Casares e o seu mundo creativo" a celebración tivo como obxectivo pór en valor a figura do insigne intelectual limiao na semana na que se conmemoran as Letras Galegas, "e precisamente hoxe, na xornada previa ao día grande das nosas letras, queremos lembrar a Carlos Casares, esa poliédrica figura de tantas caras, todas elas positivas, e de aí esa alianza que a Deputación de Ourense mantén coa Fundación Carlos Casares, porque todo o que fagamos por manter vivo o legado deste gran escritor galego é pouco e é obrigado", afirmou Manuel Baltar, quen subliñou que dos 57 artigos que ten o Estatuto de Autonomía para Galicia "o máis importante é o 5º, que di no seu parágrafo primeiro que a lingua propia de Galicia é o galego, o noso maior tesouro, que é grande porque figuras como Carlos Casares contribúen a elo".

IMG_2283No acto, que se celebrou na praza de Carlos Casares, ao carón da Casa de Cultura de Xinzo, Luís González Tosar agradeceu á Deputación de Ourense e ao Concello de Xinzo "a organización deste evento nunha data tan importante e sinalada como é o da véspera do Día das Letras Galegas", e referiuse a Carlos Casares citando dous libros: Xinzo de Limia, imaxes para a lembranza, de Concepción Rúa González, e Fervor de Buenos Aires, o primeiro libro de Borges, para lembrar a figura de Carlos Casares a través da imaxe e da poesía, destacando a súa achega á literatura galega e tamén a relación que Casares mantivo con Eduardo Blanco Amor.

González Tosar, gran amigo de Casares, como lembrou no acto o fillo do autor limiao, destacou as numerosas viaxes que fixeron xuntos, "viaxes nas que agora, sen Carlos, comprobo como se engrandece a súa figura, que é recoñecida en todo o mundo", un Carlos Casares que, precisamente, foi o predecesor de González Tosar ao fronte do Centro PEN Galicia.

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández destacou na súa intervención a relación de Carlos Casares co cinema afirmando: "Así como no campo da literatura Casares foi o elo que engarzou a Xeración Nós coas novas xeracións de escritores, tamén foi o primeiro que trasladou ao xénero maior da novela o tema do cine", e salientou que ata a chegada de Casares ao ámbito audiovisual "a literatura galega vivía de costas ao cine, que era tanto como dicir de costas á modernidade cultural, fronte o cal Casares reivindicou, xa en 1978, xustamente cando ingresou na Academia, a necesidade dun cine galego".

Na celebración participaron tamén o concelleiro de Turismo de Xinzo de Limia, Carlos Gómez, mantedor do acto, Xosé Carrera, Elisa Brea e Edelmiro Martínez, quen lembraron a figura de Casares a través da súa obra. Asemade, Hakam Casares, fillo do escritor, dedicou as súas palabras ás lembranzas de Carlos Casares nos seus anos de neno vivindo nas terras da Limia. "Para el a infancia era algo fundamental na personalidade dun ser humano, e sempre tiña un grande respecto polos máis cativos, e lembraba Xinzo como o lugar onde foi plenamente feliz, evocando os anos da nenez, o tempo en que un non ten preocupacións". Tamén se referiu Hakam Casares a influencia que Xinzo tivo "na formación intelectual e cultural do meu pai, xa que empezou de moi novo, con doce anos, a vivir de preto o mundo literario, dedicándolle moitas horas á lectura", destacando neste sentido a relación de Carlos Casares coa biblioteca municipal e en concreto co bibliotecario Antonio Rodríguez, quen lle aconsellou moitas lecturas".

O acto rematou coa interpretación do Himno Galego a cargo dos gaiteiros Marcos Foxo e Daniel Castiñeiras, da Real Banda de Gaitas.