MEDIO AMBIENTE REMATA OS TRABALLOS PARA A ELIMINACIÓN DE CINCO PUNTOS DE VERTIDO INCONTROLADO NO CONCELLO DE XINZO DE LIMIA

As actuacións, nas que se investiron preto de 20.000 euros, enmárcanse dentro dun programa da Xunta para erradicar este tipo de focos de contaminación

MEDIO AMBIENTE REMATA OS TRABALLOS PARA A ELIMINACIÓN DE CINCO PUNTOS DE VERTIDO INCONTROLADO NO CONCELLO DE XINZO DE LIMIA

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de rematar os traballos para a eliminación de cinco puntos de vertido incontrolado (PVI) no Concello de Xinzo de Limia (Ourense) cun custo total de 19.718,13 euros. Esta nova actuación forma parte dunha campaña continuada da Xunta para identificar e erradicar estes focos, nos que se van depositando residuos sólidos de distinta natureza co prexuízo que isto ocasiona para a contorna desde un punto de vista ambiental e estético.

No caso de Xinzo, un concello no que no ano 2014 xa se eliminaran outros cinco puntos de vertido incontrolado cun custo de 45.661 euros, os focos nos que se realizaron as últimas intervencións estaban localizados nos lugares de As Riscas, San Vitorio, Quintas, Porto Alto e Pereiral.

As actuacións levadas a cabo consistiron basicamente na recollida, clasificación e retirada do material acumulado nestes puntos e na revexetación dos solos con estendido de terra vexetal e hidrosementeira. O material que se adoita a localizar nestes espazos consiste, fundamentalmente, en obxectos domésticos e pequenos restos de obras de edificación como vidro, plásticos, pneumáticos e unha mestura de residuos de construción e demolición.

Correcta xestión dos residuos

FOTO1

Coa limpeza destas zonas perséguese minimizar e corrixir os impactos e a degradación ambiental orixinados polos vertidos incontrolados, logrando a integración do lugar coa súa contorna e eliminando o hábito entre a poboación de seguir depositando lixo nestes lugares.

Este tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para lograr unha correcta xestión dos residuos mediante a súa reciclaxe e tratamento, na que tamén se inclúen outro tipo de instalacións, como son os puntos limpos, unha forma de evitar a proliferación de vertedoiros incontrolados ofrecendo unha alternativa aos cidadáns onde depositar os seus residuos. Precisamente, o Concello de Xinzo de Limia dispón de punto limpo desde o ano 2008.

O obxectivo común destes programas é axudar e facilitar aos concellos o cumprimento das súas responsabilidades en materia de xestión dos residuos urbanos, unha competencia que é municipal, e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión dos mesmos, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).